A Compañía Pepe Hevia, distribuída por Eme2 Emoción&Arte, presentará a semana que vén en Barcelona Odonata, un novo espectáculo que, a través da imaxe da transformación da libélula, fala da vida, das súas dificultades e dos seus instantes de plenitude. A obra conta coa participación dos bailaríns Mauro Barahona, Viviana Boronat, Danay Hevia, Pepe Hevia, Ona Ortiz, Marta Pardos e Sònia Romá, e as músicas de Marise Cardoso, Stijn Goavaere, Johann Johansson, Murcof, GoldFrapp, e represéntase os días 24, 25, 26 e 27 de xaneiro no Sant Audreu Teatre barcelonés.
Odonata é unha obra escénica que fusiona a danza coa música e o videoarte para falar do instinto animal que todos posuímos e que nos impulsa a loitar, a continuar, a cambiar, a pesar de que no cambio se poida atopar o fracaso. Pepe Hevia inspírase no comportamento biolóxico da libélula para falar da transformación do individuo ao longo da súa existencia e a loita de adaptación que sofre a libélula por conseguir o seu soño: ter ás para voar.