Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2011.- Emedous Produción e Distribución estreará en setembro, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, o espectáculo O florido pénsil, adaptación ao galego do popular texto de Andrés Sopeña. O espectáculo reúne a varios dos mellores actores galegos do momento nun excepcional elenco, formado por Antonio Durán Morris, Xosé Manuel Olveira Pico, Josito Porto, Alfonso Agra e Federico Pérez. Dirixen a proposta Fernando Bernués e Mireia Gabilondo. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) produce o espectáculo, que conta co apoio do Centro Dramático Galego.
O florido pénsil conta as vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade do sistema educativo que dominou a España da posguerra. A través dos seus protagonistas descóbrese un fresco no que se suceden as tribunas desde as que o franquismo aleccionaba á poboación: en primeiro lugar, a escola, centro de operacións fundamental para a propaganda do ideario fascista; máis tarde, o cinema de barrio, a radio familiar, a igrexa e a prensa. Pola obra pasan heroes das películas, mestres casposos, mozos máis ou menos espabilados, Roberto Alcázar, o NO-DO, o Tebeo, os curas, Matías Prats ou Matilde Conesa.
O texto foi adaptado por Sandra Romarís para Eme2 para a súa posta en escena en galego, acomodándoo tamén ás especificidades da época en Galicia.
O elenco
Para levar ás táboas O florido pénsil, Eme2 reuniu a cinco dos mellores actores da escena galega. Xosé Manuel Olveira Pico é un dos rostros máis recoñecibles da profesión, con vinte montaxes do Centro Dramático Galego (CDG), innumerables obras de teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivas ou o Padre Casares. No seu haber conta con tres premios María Casares.
Pola súa banda, Antonio Durán Morris, coñecido en todo o país polo seu papel de Cuñado en Pratos combinados e de Alcalde en Padre Casares, dous dos seriais máis exitosos da historia da televisión galega, participou tamén en numerosos espectáculos teatrais, coma o Enfermo imaxinario do CDG, nas súas primeiras temporadas.
Federico Pérez, o máis novo, fíxose coñecido pola súa interpretación de Josito na serie Padre Casares, e participou en películas como 18 comidas. Tamén coñecido polos seus traballos televisivos, nomeadamente en Pratos combinados, é Josito Porto, que conta cun María Casares por Sexismunda. Mentres, Alfonso Agra participou en numerosas montaxes do CDG (do Incerto señor don Hamlet a Woycek), múltiples espectáculos teatrais desde os anos oitenta, media ducia de longametraxes cinematográficos e series televisivas da importancia de Libro de familia ou Mareas vivas.
A dirección
Fernando Bernués e Mireia Gabilondo son unha parella de directores vencellados á compañía vasca Tanttaka. Os dous teñen impulsado en conxunto ou por separado numerosas montaxes de xéneros ben distintos. Mais alá do teatro, Gabilondo destaca polas súas direccións dos espectáculos de danza da compañía Kukkai, renovadora da danza tradicional vasca. Bernués ten dirixido numerosas compañías e numerosos actores en todo o Estado, e a súa unión con Galicia vén a través de Manuel Rivas, de quen dirixiu A man dos paíños.
Con motivo da produción de O florido pénsil, Eme2 ten a intención de reunir a maior cantidade posible de imaxes relacionadas coa escola e a educación en tempos da ditadura. Pódese contribuír á reunión deste material, que despois se pendurará no Facebook da produtora, enviando as imaxes a comunicacion@emedous.com