Eme2 Emoción&Arte acaba de incorporar dous novos espectáculos á súa carteira de distribución. Por unha parte, Teatro Meridional recupera o seu éxito Miguel Hernández, no centenario do nacemento do poeta levantino; por outra, a compañía andaluza Teatro del Velador presenta Dröppo, un espectáculo de 'teatro bruto' sobre a emigración. En ámbolos dous espectáculos Eme2 comparte tarefas de distribución con JP Producciones.
Dröppo é un novo espectáculo de 'teatro bruto' da compañía Teatro del Velador. No seu transcorrer presenciamos un día na vida dun grupo de emigrantes nunha cidade calquera. Vémolos habitar arrombados entre trastos inútiles, perseguindo o soño de alcanzar unha vida mellor no mundo desenvolvido. Os personaxes desta casa-habitación son apátridas solitarios, de idade inverosímil, nin vellos nin novos ou, ás veces, demasiado acabados ou demasiado tenros, autistas por deformación e artistas solícitos nas súas tarefas, e, sen embargo, de súpeto poden caer na conta de que están vivos.
Mentres, Miguel Hernández volve aos escenarios no centenario do nacemento do poeta. Teatro Meridional recupera o espectáculo dez anos depois, e volve a ocupar a pel e a palabra dun personaxe, dunha persoa, que percorre o caos da súa vida persoal e da época social que lle tocou vivir. Sempre coa palabra como xogo e guía nunha experiencia digna de ser pensada e sentida con calma, a obra mostra a alegría e a emoción producidas ao coñecer como realidade e poesía se entrelazan de xeito luminoso neste especialísimo poeta.