Isto non é un monólogo
Por Álvaro Lavín. Director de escena.
En Sexo? Por que non? aparecen máis de dezasete personaxes, a saber: Adán, Eva, un anxo, Yahvé-Deus, Carlos de Inglaterra, un señor de Boloña, un famoso cirurxián, Rosalía –unha morena impoñente-, o produtor do espectáculo, un tremoia, a irmá de Mercedes Castro –de nome Aurora-, a nai de Mercedes Castro, varias amidas da infancia de Mercedes Castro e algún dos seus fillos, e incluso a propia Mercedes Castro, que debería ser a protagonista, aínda que a pobre non pode estar aquí porque non pode separarse do seu mozo, que, por certo, tamén aparece, aínda que só por teléfono...
Un monólogo é outra cousa, é o desenvolvemento do monólogo interior –de aí o nome- dun personaxe, pero aquí é todo exterior, acción, interrelación entre personaxes distintos que discuten, quítanse a palabra, pelexan. E axúdanse a apóianse, tamén.
Realmente, para ser unipersoal Sexo? Por que non? ten máis acción que moitas das obras de teatro para varios actores que coñezo, e iso é o que me gusta deste texto. Ademais é unha acción moi dinámica, que esixe unha alta dose de enerxía por parte da intérprete, pois as accións polas que pasa son intensas e sempre sorprendentes, desde a descuberta do sexo por parte de Adán e Eva, dentro do Paraíso e coa participación dun demo moi especial, ata unha clase particular de como conseguir o orgasmo feminino, chea de humor e de ritmo, como non podía ser doutro xeito.
Por todo isto o traballo de ensaios está sendo un pracer, xa que esta obra permite –e en certo modo esixe- unha posta en escena chea de cambios, de picos de ritmo, de contrastes e de matices. Neste sentido a entrega e disposición de todo o equipo é inmellorable, e a verdade é que estamos pasando moi bos momentos sobre o escenario preguntándonos sexo? Por que non…?