O Concello de As Pontes e Eme2 Emoción&Arte presentarán mañá en rolda de prensa (13.00h., Salón de plenos da Casa Consistorial, As Pontes) a estrea do espectáculo Sexo? Por que non?, que botará a andar o próximo venres, ás nove da noite, no Cine Alovi. Baseado nos textos de Dario Fo, Franca Rame e Jacopo Fo, con Mercedes Castro sobre as táboas e baixo a dirección de Álvaro Lavín, Sexo? Por que non? é unha comedia trepidante na que desde Adán e Eva ata os nosos días se mostran situacións cotiás en torno ao encontro carnal e ao pouco que del sabemos na sociedade occidental. Á rolda de prensa asistirán o alcalde pontés, Valentín González Formoso; a concelleira de Cultura, Eva Conde Murado; e a actriz Mercedes Castro.
Ademais, integrantes do equipo de produción da obra manterán hoxe martes un encontro co público no que explicarán como se está xestando o proxecto. A cita é ás 20.30h. na Casa Dopeso.
O espectáculo pregúntase por que, se o sexo é algo tan central nas nosas vidas, case nunca falamos del máis que desde os complexos e o estereotipo, e faino fuxindo do chiste fácil e do bombardeo pornográfico. Un grupo de novos creadores, comandado por Lavín e Castro, faise cargo da parte artística desta aposta de Eme2, que empezará a xirar xusto despois da súa estrea. A contratación, xa aberta, pode facerse a través de Julio Perugorría (609 457 575 / 981 534 134 e administracion@emedous.com).
Máis información: 609 72 85 24