Aberta a contratación para os próximos meses dos espectáculos que distribúe Eme2

Martes, 17 Febreiro de 2009

Xa está aberta a contratación para os próximos meses dos espectáculos que distribúe Eme2 Emoción & Arte, unhas propostas que conseguiron gran repercusión na pasada Feira Galega das Artes Escénicas. Desta vez, Eme2 aposta por levar a calidade ás programacións destinadas a públicos infantís, con espectáculos como Bolboreta, de Títeres Trompicallo; Ó son das cousas, de Sapristi; e Unha de amor, de Artello Teatro alla Scalla 1?.


Bolboreta foi un dos espectáculos triunfadores na Feira das Artes Escénicas. A última creación de Títeres Trompicallo,  que actualmente está xirando xa por toda Galicia e na Rede da Comunidad de Madrid, foi contratada para 27 funcións máis en Castilla-La Mancha e en Euskadi.

Creado e interpretado por Luís González e Marián González, explora en clave de humor o tema do medo infantil. Bolboreta narra a historia dun monstro peludo, un rei egoísta e unha nena valente, capaz de vencer todos os obstáculos para salvar aos seus seres máis queridos. A representación que levou a cabo Trompicallo dentro da programación da Feira do Teatro foi unha das máis vistas e mellor valoradas polos asistentes á xuntanza.

Tamén está dispoñible para contratación Ó son das cousas, de Sapristi, outro dos espectáculos mellor recibidos na Feira. Nesta creación para público infantil, a compañía formada por Patricia Vázquez e Nuria Sanz conta a historia de Sara e Berta, dúas buscadoras e recolectoras de sons. A interacción das personaxes, os sons, o espazo e algúns obxectos permiten que o público obteña unha mirada lúdica e sonora do mundo e do seu propio universo.

Por outra banda, a compañía Artello Teatro alla Scala 1? segue representando Unha de amor, a obra coa que conseguiron o premio á mellor posta en escena en FETEN'99.  O espectáculo narra a historia do temor que senten os animais dunha pequena vila polo Gato Gaiado. Coa chegada da Primavera, unha andoriña nova e ousada consegue o nunca visto: ante o estupor de toda a veciñanza, o Gato Gaiado sorrí. A partir dese momento, desenvólvese unha relación entre o Gato e a Andoriña.

 

 

[0] Comentarios

Comentar

* Para notificacións, nunca será visible
 
Eme2,emoción&arte | 0034 981 534 134 | emedous@emedous.com | RSS | Desenvolvemento web por