Xa se poden descargar desde a web de Eme2 Emoción&Arte as ráfagas sonoras compostas por Anxo Graña para o espectáculo Sexo? Por que non? Os jingles atópanse dentro da carpeta que contén o kit promocional da obra; basta con ir á páxina do espectáculo e picar en 'Descarga o dosier de prensa'.
Con Mercedes Castro sobre as táboas e baixo a dirección de Álvaro Lavín, Sexo? Por que non? é unha comedia trepidante na que desde Adán e Eva ata os nosos días se mostran situacións cotiás en torno ao encontro carnal e ao pouco que del sabemos na sociedade occidental. O espectáculo pregúntase por que, se o sexo é algo tan central nas nosas vidas, case nunca falamos del máis que desde os complexos e o estereotipo, e faino fuxindo do chiste fácil e do bombardeo pornográfico. Un grupo de novos creadores, comandado por Lavín e Castro, faise cargo da parte artística desta aposta de Eme2.