Santiago de Compostela, 18 de xaneiro do 2012. Eme2 Emoción&Arte estrea esta fin de semana na Coruña a versión galega de Kafka e a boneca viaxeira, un espectáculo infantil baseado nunha novela de Jordi Sierra i Fabra baseado nunha historia real da vida do autor checo. Con Xosé Manuel Olveira Pico, Rocío González e Lucía Regueiro sobre as táboas, a proposta realízase simultaneamente en galego, euskera, catalán e valenciano, nunha novidosa fórmula de produción na que a distribuidora compostelá comparte protagonismo coas compañías Albena Teatre e Tanttaka.
Funcións
Kafka e a boneca viaxeira inicia a súa andaina o venres 20 no Fórum Metropolitano da Coruña, con funcións ás 10.00 e ás 12.00 horas. No mesmo escenario repetirá o sábado 21 (ás 19.00 horas) e o domingo 22 (ás 17.30 horas). Xa o día 29 haberá función no Auditorio Municipal de Narón ás 18.00 horas. O espectáculo está dirixido a un público de sete anos en adiante.
O texto baséase nunha historia real acontecida a Franz Kafka un ano antes da súa morte. Paseando por un parque de Berlín, o autor atopou unha nena que choraba desconsolada porque perdera a súa boneca. Para calmar a pequena, Kafka contoulle que a boneca marchara de viaxe, e el, convertido en carteiro, tiña unha carta que lle levaría ao día seguinte ao parque. Durante tres semanas, o escritor checo estivo escribindo e levando cartas á mociña, narrando as peripecias da extraordinaria boneca deste todos os rincóns do mundo.
Versión galega
Para a versión galega de Kafka e a boneca viaxeira, Sandra Romarís, Emilio Cao e Xocas López adaptaron o texto orixinal de Jordi Sierra i Fabra, Premio Nacional de Literatura no 2007, teatralizado por Guillem J. Graells. Baixo a dirección de Cristina Domínguez e Fernando Bernués, o espectáculo conta cun elenco de caras moi coñecidas no teatro galego. Xosé Manuel Olveira Pico, que na montaxe interpreta a Kafka, é un dos rostros máis recoñecibles da profesión, con vinte montaxes do Centro Dramático Galego (CDG), innumerables obras de teatro e a participación en series televisivas do éxito de Mareas vivas ou o Padre Casares. Rocío González, que exerce de Elsie na obra, traballou para o Centro Dramático Galego e outras compañías galegas. Pola súa banda, Lucía Regueiro, que interpreta a Dora, traballou con Teatro do Atlántico e na serie televisiva Libro de Familia, da TVG.
Coprodución
Con Kafka e a boneca viaxeira Eme2 inaugura unha fórmula de produción na que compañías de tres autonomías suman forzas. A montaxe levarase a cabo nas catro linguas oficiais do Estado, compartindo escenografía e parte do equipo artístico.
O espectáculo Hnuy Illa, das compañías vascas Kukai e Tanttaka, distribuído por Eme2 Emoción&Arte, recibiu o luns o premio Max ao espectáculo revelación da pasada temporada. Trátase dun fermoso percorrido polos poemas de Joseba Sarrionandia, acompañado pola composición musical de Iñaki Salvador e a coreografía de Jon Maya, con guión e dirección de Mireia Gabilondo. Felicidades polo galardón e, sobre todo, polo estupendo traballo!
Entretanto, o espectáculo Obra (No comment), de Producións Teatrais Excéntricas, que distribúe Eme2 Emoción&Arte, recolleu a pasada semana dous premios María Casares, que entrega a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ao mellor da temporada. Vítor Mosqueira foi galardoado como mellor actor, mentres que Suso Alonso recolleu a xerra conmemorativa como autor da mellor música orixinal. Desde aquí queremos felicitar a todos os galardoados, en especial a Teatro do Atlántico, que viu como Unha primavera para Aldara lle reportaba sete María Casares. Parabéns!

A edición galega do diario El País publicou o pasado domingo 8 unha peza sobre Eme2 Emoción&Arte, incluída dentro dunha ampla reportaxe sobre a situación do sector cultural na lexislatura política que agora remata. No artigo trátanse temas como a situación actual da produción e da distribución no ámbito das artes escénicas galegas. Podedes consultar a parte referida a Eme2 picando aquí, e o resto da reportaxe a través deste enlace.
Desde Eme2 Emoción& Arte queremos informarvos de que contamos con catro espectáculos abertos a contratación dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña 2009. Para máis información sobre Obra, de Producións Teatrais Excéntricas; Sempre ao lonxe, de Mofa e Befa; e Jiñol e Bolboreta, de Trompicallo, non dubidedes en pórvos en contacto co noso departamento de distribución.
Xa está aberta a contratación para os próximos meses dos espectáculos que distribúe Eme2 Emoción & Arte, unhas propostas que conseguiron gran repercusión na pasada Feira Galega das Artes Escénicas. Desta vez, Eme2 aposta por levar a calidade ás programacións destinadas a públicos infantís, con espectáculos como Bolboreta, de Títeres Trompicallo; Ó son das cousas, de Sapristi; e Unha de amor, de Artello Teatro alla Scalla 1?.

Bolboreta foi un dos espectáculos triunfadores na Feira das Artes Escénicas. A última creación de Títeres Trompicallo, que actualmente está xirando xa por toda Galicia e na Rede da Comunidad de Madrid, foi contratada para 27 funcións máis en Castilla-La Mancha e en Euskadi.
Creado e interpretado por Luís González e Marián González, explora en clave de humor o tema do medo infantil. Bolboreta narra a historia dun monstro peludo, un rei egoísta e unha nena valente, capaz de vencer todos os obstáculos para salvar aos seus seres máis queridos. A representación que levou a cabo Trompicallo dentro da programación da Feira do Teatro foi unha das máis vistas e mellor valoradas polos asistentes á xuntanza.
Tamén está dispoñible para contratación Ó son das cousas, de Sapristi, outro dos espectáculos mellor recibidos na Feira. Nesta creación para público infantil, a compañía formada por Patricia Vázquez e Nuria Sanz conta a historia de Sara e Berta, dúas buscadoras e recolectoras de sons. A interacción das personaxes, os sons, o espazo e algúns obxectos permiten que o público obteña unha mirada lúdica e sonora do mundo e do seu propio universo.
Por outra banda, a compañía Artello Teatro alla Scala 1? segue representando Unha de amor, a obra coa que conseguiron o premio á mellor posta en escena en FETEN'99. O espectáculo narra a historia do temor que senten os animais dunha pequena vila polo Gato Gaiado. Coa chegada da Primavera, unha andoriña nova e ousada consegue o nunca visto: ante o estupor de toda a veciñanza, o Gato Gaiado sorrí. A partir dese momento, desenvólvese unha relación entre o Gato e a Andoriña.
O departamento de comunicación de Eme2 Emoción&Arte vén de realizar o deseño da cartelería do espectáculo La familia del chivo Froilán, de La Tentazión-Arriabala. A obra, escrita por Jesús Bonilla e Joaquín Andújar, dirixida por Carlos Zabala e protagonizada por María Garralón, Janfri Topera, Carmen Vicente-Arche e Martxelo Rubio, é unha “traxicomedia rural e patética” que describe a vida dos descolgados do primeiro mundo.
La familia del chivo Froilán podería ser unha historia de princesas e de galantes cabaleiros, pero non o é: aquí só hai un año, una preciosa dama que cantou coma os anxos nun karaoke, un Mercedes 600 que non funciona, un cabreiro sen luces, unha avoa sen querer, un pícaro galán trasnoitado e un tren que xa non pasa.
A Compañía Pepe Hevia, distribuída por Eme2 Emoción&Arte, presentará a semana que vén en Barcelona Odonata, un novo espectáculo que, a través da imaxe da transformación da libélula, fala da vida, das súas dificultades e dos seus instantes de plenitude. A obra conta coa participación dos bailaríns Mauro Barahona, Viviana Boronat, Danay Hevia, Pepe Hevia, Ona Ortiz, Marta Pardos e Sònia Romá, e as músicas de Marise Cardoso, Stijn Goavaere, Johann Johansson, Murcof, GoldFrapp, e represéntase os días 24, 25, 26 e 27 de xaneiro no Sant Audreu Teatre barcelonés.
Odonata é unha obra escénica que fusiona a danza coa música e o videoarte para falar do instinto animal que todos posuímos e que nos impulsa a loitar, a continuar, a cambiar, a pesar de que no cambio se poida atopar o fracaso. Pepe Hevia inspírase no comportamento biolóxico da libélula para falar da transformación do individuo ao longo da súa existencia e a loita de adaptación que sofre a libélula por conseguir o seu soño: ter ás para voar.