ocaberta

Bocaberta chega á súa recta final na semana das Letras Galegas

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2011.- A música, o cómic e o teatro de monicreques marcarán a proposta de actividades de Bocaberta na semana da Letras Galegas, que coincide coa recta final do programa. A proposta da Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixida a promover a lingua galega entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos remata esta semana despois de percorrer todos os concellos de Galicia con máis de 700 accións.

Esta última semana comeza co pop de The Homens e Projecto Mourente, que se reparten respectivamente, o concerto acústico e o curso de música electrónica caseira que conforman Detrás da canción.

Para os máis pequenos, os monicreques da compañía Cachirulo representarán o espectáculo Vive os contos, no que un rei ve como cambia a súa concepción sobre o papel das mulleres na sociedade.

No tocante ao cómic, Anxo Fariña segue adiante con Ti creas a historia. Nestes obradoiros, os mozos e mozas poden aprender como se fai unha historieta desde a idea inicial aos últimos toques de cor. Ademais, Fran Bueno impartirá un último curso de debuxo de banda deseñada no obradoiro Galimatías.

Anxo Fariña, impartindo un dos seus cursos dentro da actividade Ti creas a historia


Esta semana...

Luns 16
Detrás da canción. Aula Estrada - Centro Multiusos, A Estrada. 18:00 horas (obradoiro). Dos 12 aos 18 anos.

Detrás da canción. Teatro Principal, A Estrada. 20:00 horas (concerto). Dos 12 aos 18 anos.

Martes 17
Vive os contos. Casa da Cultura, O Grove. 12:30 horas. Dos 8 aos 9 anos.

Mércores 18
Ti creas a historia. IES de Mos, Mos. 10:30 horas. 12 anos.

Venres 20
Galimatías. Centro Cultural Santo Domingo, Betanzos. 18:00 horas (obradoiro). Dos 13 aos 18 anos.

 

 

Bocaberta na rede

Segue todas as actividades e obtén todos os materiais nas nosas canles de Facebook, Twitter e Tuenti, e na web do programa!


OUVIRMOS | Azou

Azou é un proxecto musical baseado nas redes sociais. O espectáculo xira arredor do proceso de creación dunha banda de hip hop formada por dúas mozas e un mozo. Os protagonistas, cheos de enerxía e talento, cantan, bailan e poñen en escena unha proposta única que, facendo uso das últimas tecnoloxías, mestura imaxes, sons e animacións.
Dos 12 aos 18 anos. [máis]


EME2 | Detrás da canción

Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila? Detrás da canción é unha actividade que consiste nun curso de música caseira de menos de dúas horas, con Carlos Valcárcel, de Projecto Mourente, e nun concerto acústico do grupo de rock en galego The Homens.
Dos 12 aos 18 anos. [máis]


OQO | En clave de conto

En clave de conto mestura música, literatura e ilustración para educar a ollada e o oído e transmitir o amor pola nosa lingua. Os obradoiros parten da canción “Cri-cri” para identificar as distintas linguas nas que se canta o tema. Por outro lado, músicos, cantantes e actores de prestixio participan no concerto-espectáculo A nena e o grilo.
Dos 5 aos 8 anos. [máis]


GALAXIA | Ola, ola, la!

Ola, ola, la! é unha aposta musical para quen lle gusta a electricidade máis rítmica a dar voltas polo corpo. A través das melodías do grupo infantil Mamá Cabra e coa axuda dun DVD-Karaoke, os nenos e nenas aprenderán a cantar as cancións coma se formasen parte
da banda. Polo medio, un sorprendente conto de Gloria Sánchez.
Dos 4 aos 8 anos. [máis]


PABLO DÍAZ | Canta música!


Este obradoiro de canto e xogos ten como finalidade a aprendizaxe de cancións infantís, xogos, adiviñas, trabalinguas ou rimas, así como algunha melodía cantada acompañada dos ritmos básicos da nosa cultura musical. Pandeiretas, cunchas, castañolas e outras
percusións animan os obradoiros, impartidos por Pablo Díaz e Olga Kirk.
Dos 5 aos 7 anos. [máis]

 


A. FARIÑA | Ti creas a historia

Os segredos da creación literaria serán desvelados neste obradoiro da man de Anxo Fariña, escritor e ilustrador da famosa saga xuvenil Os Megatoxos. O autor conducirá
un obradoiro-conferencia, cheo de humor e contidos educativos, no que lles dará unha receita aos asistentes para crear unha boa historia, a súa propia historia.
12 anos. [máis]

EL PATITO | Galimatías

El Patito distribúe gratuitamente a revista xuvenil Galimatías, que achega as mellores historietas en lingua galega a todos os rapaces e rapazas. Gal e Matías, os protagonistas, son o álter ego de calquera adolescente, cos seus gustos, teimas e ideais. Unha nova imaxe, un blog e obradoiros a cargo de Fran Bueno renovan a aposta este ano.
Dos 13 aos 18 anos. [máis]


EVEREST | Atrapado na torre

Everest e Chrystian Magic suman forzas no proxecto Atrapado na torre, que conta a peripecia deste mago para chegar a
ser un auténtico prestidixitador. A través dos trucos, o proxecto pretende vencellar a lingua galega con espazos de diversión abertos á fantasía e, á vez, transmitir valores como o esforzo, o traballo e a constancia.
Dos 9 aos 12 anos. [máis]

XERAIS | Contos de maxia

Baseada na obra Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz, esta actividade consiste nunha montaxe a cargo de Cali O Mago. O espectáculo abre a porta á imaxinación: as palabras convértense en fascinantes historias máxicas e, con sorpresa, humor e diversión, amósase como con calquera palabra se pode facer maxia.
Dos 9 aos 14 anos. [máis]

GALAXIA | Abrapalabra

O mago Carlos Coira fai, en directo, sen trampa nin cartón, múltiples trucos a través dos que gozar da maxia das palabras, pero, tamén, aprender maxia dun xeito divertido e sobre todo, moi doado. Porque, a ver, cantos libros hai no mundo capaces de sosterse de pé? É o que ten a maxia, que nos permite facer este tipo de cousas.
Dos 3 aos 11 anos. [máis]

KALANDRAKA | Palabras no ar

Dirixido a escolares de educación infantil e primaria, Palabras no ar aposta pola expresión en galego mediante obradoiros de oralidade, de escrita creativa e de gráfica creativa. Estes talleres compleméntanse cun blog onde se publicarán os traballos, e coa gravación de programas radiofónicos que emitirá a rede de emisoras municipais de Galicia.
Dos 8 aos 13 anos. [máis]


TAMBRE | Sr. mundo, dígame?

Señor mundo, dígame? é un recital de poesía e é tamén unha representación teatral que lle cede a palabra ao público para converterse en obradoiro. A partir de textos de Antonio García Teijeiro, a compañía Factoría Teatro ofrécenos 50 minutos de ritmo e de xogo á procura da palabra, un recital tolo de poesía sonora e visual para os máis novos.
Dos 6 aos 8 anos. [máis]

IR INDO | Vive os contos

A actividade Vive os contos consiste nunha representación de monicreques realizada pola prestixiosa compañía Títeres Cachirulo, baseada na historia de El-Rei Artur e a abominable dama, na que o seu protagonista, un monarca un tanto confuso, vive un monte de aventuras e reflexiona sobre o rol das mulleres no seu contorno.
Dos 8 aos 9 anos. [máis]

 

RODEIRA | A guerra das bruxas

A guerra das bruxas é unha viaxe lúdica na que, a través dunhas xincanas e unha posterior actividade na web, os rapaces e rapazas se introducen no mundo da bruxería e
dos clans. A lingua e a comunicación son os protagonistas. Na xincana, realizada por Reverso, os participantes representan a catro clans que deben pasar varias probas.
Dos 12 aos 16 anos. [máis]

 

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria
San Caetano, s/n
15781 • Santiago de Compostela
Telf.: 981 957 350 • Fax: 981 544 490

gabinete.prensa@edu.xunta.es